Español | Contacta con nos

 

 

QUE VER
PONTE NAFONSO

A Ponte Nafonso atópase no lugar de Pontenafonso, na parroquia de Cando. Érguese sobre o río Tambre unindo os concellos de Outes e Noia.

A data de construcción non está moi clara: segundo parece, a actual ponte de pedra foi feita no século XIV en substitución doutra máis antiga de madeira que mandara construír no século IX o rei Afonso II “O Casto”, de quen tomaría o nome a ponte.

Orixinariamente estaba formada por 27 arcos e medía 3,85 m de ancho, aínda que no século XIX foi reformada para ancheala. Actualmente a ponte mide 270 metros de longo por 5 de ancho e consérvanse 20 arcos, máis outros 2 que están tapados.


IGREXA DE SAN XOÁN ROO
Igrexa de San Xoan de Roo

A igrexa de San Xoán de Roo, cos seus 40 metros de longo, é a máis grande e harmoniosa do concello. As perfeccións das súas medidas e as súas equilibradas proporcións unidas ao feito de posuír dúas torres, fan desta igrexa un caso único en toda a redonda e mesmo en toda Galicia existen moi poucos exemplos de templos desta época ou anteriores con dúas torres.

Foi construída entre 1749 e 1752 por Domingo de Fontenla seguindo o plan trazado por F. Manuel de la Peña, un arquitecto compostelán de renome.


IGREXA DE SAN OURENTE DE ENTÍNS

A igrexa de San Ourente, con 32,6 m de longo, é a segunda máis grande do concello. Foi construída a instancias do cardeal Celada, titular do arciprestazgo de Entíns, entre os anos 1788 e 1794 e o seu cometido era albergar o sepulcro dun mártir. Con esa idea, o cardeal pediulle ao papa Pío VI os restos dun dos mártires sepultados nas catacumbas de San Calixto. O elixido foi San Campio, un antigo soldado romano, perseguidor de cristiáns e convertido logo ao cristianismo cuxa morte está fechada no século V. Os restos óseos do santo, armados sobre cera e vestidos de soldado, saen de Roma no ano 1794 chegando a Santiago de Compostela en maio de 1795 de onde parten cara a igrexa de San Ourente o día 3 de xullo dese mesmo ano, levados a ombros por unha comitiva de fregueses da parroquia, onde chegan o día 4.

© CONCELLO DE OUTES | Aviso legal